Inicio Últimas Noticias A Concellaría de Xuventude leva de novo aos centros educativos o programa...

A Concellaría de Xuventude leva de novo aos centros educativos o programa de atención á saúde mental dos menores

XUVENTUDE
A Concellaría de Xuventude leva de novo aos centros educativos o programa de atención á saúde mental dos menores

18/04/2024 A Concellaría de Xuventude pón en marcha un novo programa de atención á saúde mental dos menores, que se desenvolverá nos centros educativos de Santiago en colaboración coa Asociación Itínera. A responsable do departamento, María Rozas, explicou que o obxectivo é “darlle continuidade ao traballo iniciado o ano pasado para informar sobre os trastornos mentais máis frecuentes, evitar os estigmas e previr as condutas de risco entre a poboación máis nova”. A concelleira presentou as actividades nunha rolda de prensa na que estivo acompañada por Carlos Martínez Uzal, coordinador de Itínera; o psicólogo Pablo López e a pedagoga Andrea Romero.

Segundo os datos de UNICEF relativos ao Estado, case o 21% dos mozos e mozas de entre 10 e 19 anos sofren trastornos mentais como depresión, ansiedade, trastorno bipolar, desordes alimentarios, desordes de conduta ou déficit de atención. No caso de Galicia, a concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude explicou que “case o 18% dos adolescentes teñen síntomas de depresión e o 13% teñen ideas suicidas recurrentes, segundo un estudo elaborado pola Universidade de Santiago en 2022”. María Rozas lembrou que “os problemas de saúde mental, especialmente entre a mocidade, téñense incrementado de maneira moi notable despois da pandemia da Covid-19, ao mesmo tempo que cremos que tamén aumentou a preocupación social ao respecto”. Nese sentido, a concelleira lembrou que “unha das propostas seleccionadas no proceso de Orzamentos Participativos é a organización de charlas divulgativas sobre saúde mental dirixidas á mocidade, e iso dános unha mostra de que os propios mozos e mozas están concienciados da necesidade de actuar ao respecto”.Pola súa parte, o representante de Itínera incidiu na importancia dos programas preventivos e na atención temperá para evitar situacións de risco para a saúde mental da xuventude, e explicou que “os mozos e as mozas mostran moitas reticencias para falar da propia saúde mental e por iso é preciso ofrecerlles un espazo no que sexan capaces de mostrar as súas inquedanzas, os seus sentimentos e as súas emocións”. Carlos Martínez Uzal explicou que “en só cinco anos, a porcentaxe de mozos e mozas que din non ter experimentado problemas de saúde mental baixo do 62 ao 36%”. Por iso, explicou, “é preciso adiantarse e traballar na prevención con grupos de idade máis baixos”.Sesións informativas nos centros educativosO programa de atención á saúde mental dos menores impulsado polo departamento de Xuventude está dirixido ao alumnado de 5º e 6º de Primaria, e de 1º, 2º, 3º e 4º da ESO. Unha das accións previstas son sesións informativas, dúas con cada grupo participante, para explicar cales son os transtornos mentais máis frecuentes, previr condutas de risco e detectar situacións de vulnerabilidade, creando espazos de confianza nos que os mozos e mozas poidan participar expresando as súas dúbidas e inquedanzas.As sesións baséanse na bidireccionalidade, e tal e como explicaron Pablo López e Andrea Romero, “no seu transcurso xorden problemáticas formuladas polos propios rapaces e rapazas, especialmente relacionadas co uso abusivo das redes sociais ou co bullying”.Ademais, dentro do programa prevense outras actividades diversas relacionadas coa saúde mental, que se adecuarán á demanda de cada centro educativo. Así, poderá haber círculos de conversación; programas de memoria nos que sexan alumnos e alumnas que sufriran experiencias como bullying ou depresión os que compartan as súas experiencias; talleres de habilidades sociais; sesións de arte terapia; terapia grupal ou actividades recreativas como excursións, deportes, ou xogos ao aire libre. As datas das actividades serán concretadas con cada centro educativo participante.Os centros educativos de Santiago que queiran participar no programa de atención á saúde mental dos menores poden solicitalo no departamento de Xuventude, a través do mail dptoxuventude@santiagodecompostela.gal. A día de hoxe teñen confirmada xa a súa participación catro colexios, con grupos que sumarán preto de 400 alumnos e alumnas. Na edición que se desenvolveu a finais do ano pasado participaron sete entros educativos e case 800 alumnos e alumnas.

Leer más:   O Goberno municipal sinala como obxectivos prioritarios para o 2024 "a mellora da calidade de vida da veciñanza e o impulso socioeconómico á cidade"

- Te recomendamos -
Artículo anteriorLa Rioja, Comunidad Valenciana y Baleares contrastan positivamente con percepción nacional
Artículo siguienteEl tiempo para hoy en Santiago de Compostela, 18 de abril de 2024
Foto del avatar
Equipo de la redacción central de EditorialOn. Somos muchos, de sitios muy distintos y vivimos por y para la información.