Inicio Últimas Noticias ‘Sonoma’ abre a quincena da danza de Compostela Cultura o vindeiro 20...

‘Sonoma’ abre a quincena da danza de Compostela Cultura o vindeiro 20 de abril

CAPITAL CULTURAL
‘Sonoma’ abre a quincena da danza de Compostela Cultura o vindeiro 20 de abril

17/04/2024 O aclamado espectáculo da compañía catalá La Veronal fai a súa estrea en Galicia o sábado 20 e abril e arranca dúas semanas de programación especial arredor das artes do movemento. O domingo 28 de abril, Nova Galega de Danza presenta no Auditorio de Galicia ‘Berro’, un espectáculo co que a compañía celebra 20 anos en escena. O venres 3 de maio, o coreógrafo e investigador Javier Martín leva ao Teatro Principal ‘O punto impropio’, un traballo interdisciplinar no que a danza e a tecnoloxía se dan a man

Ás portas do 29 de abril, no que se conmemora o Día Internacional da Danza, Compostela Cultura intensifica a súa programación de espectáculos vencellados ás artes do movemento. A axenda arranca con ‘Sonoma’ un hipnótico traballo da prestixiosa compañía barcelonesa La Veronal, que chega por fin a Galicia tras o paso triunfal polos circuítos estatal e internacional de danza, con escenarios como o Mercat de les Flors, o Théâtre National de Chaillot (París), a Biennale de Venecia, a Oslo Opera, o Tanz im August (Berlín), o Roma Europa Festival, o SIDance Festival (Seúl), o Internationale Tanzmesse (Düsseldorf) ou a Cour d’honneur du Palais des papes Palais des papes no Festival de Avignon.Neste espectáculo, o coreógrafo e director Marcos Morau (Premio Nacional de Danza en 2013, Cabaleiro da Orde das Artes e as Letras polo Ministerio de Cultura de Francia en 2023) retoma as ideas esenciais da peza que creou en 2016 para o Ballet de Lorraine, Le Surréalisme au service da Révolution, e constrúe un novo universo a partir da figura de Buñuel, ao redor da Calanda medieval e o París cosmopolita, entre a disciplina xesuítica e a liberdade surrealista. Nunha fusión de ópera, danza e teatro físico de absoluto goce estético, unha decena de bailarinas apodéranse do escenario para se liberar das ataduras do coñecido. ‘Sonoma’ é un berro que nos conecta coa esencia da condición humana, coa orixe. En palabras da compañía, “é o ouveo primitivo do corpo, o pulso da humanidade por sobrevivir e sentirse viva”.O espectáculo é unha coprodución con Les Théâtres de la Ville de Luxembourg, Tanz im August/ HAU Hebbel am Ufer, o Grec 2020 Festival de Barcelona – Institut de Cultura do Ajuntament de Barcelona, o Oriente Occidente Dance Festival, o Theater Freiburg, o Centro de Cultura Contemporánea CondeDuque, o Mercat de les Flors, Temporada Alta, Hessisches Staatsballett no marco do Tanzplattform Rhein-Main, e Sadler’s Wells. Foi tamén beneficiario do proxecto de cooperación transfronteirizo PYRENART, dentro do marco do programa Interreg VA España-Francia-Andorra POCTEFA 2014-2020 – Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). Conta ademais coa colaboración de Graner – Fàbriques de Creació e Teatre L’Artesà e o apoio de INAEM – Ministerio de Cultura e Deporte de España e ICEC – Departament de Cultura da Generalitat de Cataluña.O público de Compostela poderá gozar del o sábado, día 20 de abril, ás 20.30 horas no Auditorio de Galicia. As entradas, a un prezo de 10 € (cos descontos habituais para diferentes colectivos) están á venda na web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C (aberto de martes a sábado, das 11 ás 14 horas e das 16 ás 19 horas) e no do propio Auditorio (o día do espectáculo dende unha hora antes do seu inicio).‘Berro’ de Nova Galega de DanzaO domingo, día 28 de abril, será a compañía Nova Galega de Danza (NDG) quen se faga coas táboas do Auditorio de Galicia para presentar en Compostela ‘Berro’. Esta peza, candidata a mellor espectáculo de danza nos Premios Max, representa o baleiro que supón ser persoas soas e illadas nunha sociedade sen memoria, na busca do movemento que lle lembre o seu pasado. O espectáculo, creado para conmemorar o vixésimo aniversario da compañía, convídanos a “unha viaxe que conecta os estados emocionais, amosa a importancia de recuperar esa esencia ancestral –a tradición, a terra, a raíz, a familia e a casa– a través da experiencia colectiva, sentindo a transformación na expresión do corpo”.Con dirección de Jaime Pablo Díaz, coreografía e dirección artística de Sharon Fridman e de NDG, e música de Sergio Moure, conta cun elenco conformado por Inés Vieites, Estefanía Gómez, Alba Cotelo, Laura Santamariña, Ricardo Fernández, Iván Villar, Jaime Pablo Díaz. O espectáculo forma parte do Foco NeoTrad da programación escénica de Compostela Cultura e da programación apoiada pola Rede Galega de Teatros e Auditorio.As entradas para este pase de ‘Berro’, que terá lugar no Auditorio de Galicia a partir das 20.30 horas, pódense adquirir un prezo de 10 € (cos descontos habituais para diferentes colectivos) están á venda na web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C (aberto de martes a sábado, das 11 ás 14 horas e das 16 ás 19 horas) e no do propio Auditorio (o día do espectáculo dende unha hora antes do seu inicio).‘O punto impropio (A/S/V)’ de Javier Martín Xa no mes de maio, o coreógrafo e investigador Javier Martín presentará no Teatro Principal ‘O punto impropio (A/S/V)’, unha peza que, a través do movemento, e do son e a imaxe en tempo real, constrúe unha sorte de rexistro e composición auditiva (A), somática (S) e visual (V) co que se activa e resignifica a coreografía. O venres 3 de maio a partir das 20.30 horas, o espectáculo preséntanos “un corpo no esforzo de percibirse a si propio, que nos comparte as súas aproximacións, descubertas e revelacións. A entrada a un laboratorio no que a percepción se distorsiona e afina á vez, propoñendo novas sensibilidades. Unha experiencia que cuestiona o eu percibido, a identidade construída con base en proxeccións asumidas”.As entradas para este espectáculo, que tamén forma parte do circuíto promovido pola Rede Galega de Teatros e Auditorios, pódense adquirir un prezo de 10 € (cos descontos habituais para diferentes colectivos) na web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C (aberto de martes a sábado, das 11 ás 14 horas e das 16 ás 19 horas) e no do propio Teatro Principal (o día do espectáculo dende unha hora antes do seu inicio).O día inmediatamente anterior, Javier Martín conducirá tamén no Principal o ‘SOMA | Laboratorio Cinestésico’, un obradoiro teórico-práctico que busca achegar ao público o proceso de creación e posta en escena dun espectáculo de danza. O taller terá lugar ese xoves, 2 de maio, en dúas quendas independentes, de mañá e tarde, con 30 prazas dispoñibles cada unha delas. A participación é gratuíta previa inscrición no formulario habilitado na páxina web de Compostela Cultura e o prazo para cursala estará aberto ata o 20 de abril.

Leer más:   O Concello impón unha sanción por incumprimentos do contrato á empresa que presta o servizo de recollida de residuos e limpeza viaria

Direccións relacionadas


- Te recomendamos -
Artículo anteriorLa alianza con Arabia Saudí es vital para la economía española, enfatiza Isabel Rodríguez
Artículo siguienteEl tiempo para hoy en Santiago de Compostela, 17 de abril de 2024
Foto del avatar
Equipo de la redacción central de EditorialOn. Somos muchos, de sitios muy distintos y vivimos por y para la información.