Inicio Últimas Noticias O Concello de Santiago recoñece coas súas distincións máis elevadas a sete...

O Concello de Santiago recoñece coas súas distincións máis elevadas a sete persoeiros que “engrandecen a nosa historia e fan esta cidade aínda máis fermosa”

ALCALDÍA
O Concello de Santiago recoñece coas súas distincións máis elevadas a sete persoeiros que “engrandecen a nosa historia e fan esta cidade aínda máis fermosa”

11/04/2024 Nun acto celebrado no Teatro Principal, o Concello concedeu as súas máis prezadas condecoracións a sete figuras clave na historia de Compostela. Outorgáronse as Medallas de Ouro á xornalista Tareixa Navaza e ao activista político Luís Pasín e nomeáronse Fillos/as Predilectos/as da cidade o médico Ramón Baltar, a artista e comerciante Aurora Pereira (Aurichu), ambos a título póstumo, e o divulgador cultural Ezequiel Méndez. O párroco José Porto e o profesor Manuel Quintáns -a título póstumo- recibiron a distinción de Fillos Adoptivos da man da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín e de membros da Corporación municipal. A tenenta de alcaldesa, María Rozas, loubou as traxectorias das persoas homenaxeadas ás que definiu como “o patrimonio máis valioso” que ten Compostela.

O Teatro Principal acolleu esta tarde o acto de entrega de títulos, honras e condecoracións a sete persoeiros cuxas traxectorias vitais e profesionais están unidas á historia de Compostela e contribuíron ao progreso da cidade en distintos ámbitos. Na cerimonia estiveron presentes Luís Pasín, Tareixa Navaza e José Porto, así como os/as representantes do resto das persoas recoñecidas: Javier Baltar, fillo de Ramón Baltar; Xosé Manuel Beiras, parella de Aurora Pereira; Belén Quintáns, filla de Manuel Quintáns e Ricardo Gurriarán, en nome de Ezequiel Méndez que non puido asistir ao acto. Todas elas asinaron no Libro de Honra do Concello antes de comezar o acto.Tras a actuación musical de apertura a cargo do pianista Javier Otero, a presentadora do acto, a artista Soledad Felloza, deu paso ao Secretario Xeral do Pleno, José Manuel González García, que deu lectura ao acordo plenario da sesión do 29 de febreiro de 2024 na que se aprobou a concesión de Títulos, Honras e Condecoracións do Concello de Santiago nas categorías de Medallas de Ouro da Cidade e Fillas e Fillos Predilectos e Adoptivos ás persoas distinguidas.A continuación, interviu a tenenta de alcaldesa, María Rozas, que reivindicou que este evento “non é só un acto de recoñecemento, senón que é sobre todo un exercicio de autoestima colectiva, porque o que é Santiago débello a homes e mulleres como as que hoxe homenaxeamos”.María Rozas incidiu en que “Compostela debe poñer en valor e protexer o seu patrimonio máis valioso, que é a súa xente, igual que soubo preservar o seu inmenso patrimonio material e construído”. Desta maneira, apuntou, “ratificaremos o orgullo de sermos composteláns e compostelás, de pertencer a esta cidade diversa, moderna, comprometida e solidaria e de construir entre todos e todas a súa historia”. María Rozas, que loubou as traxectorias das persoas homenaxeadas, salientou tamén que “todas elas teñen o nexo común do activismo cívico e da defensa dos valores democráticos, e todas son exemplo dese Santiago que queremos”.A continuación, as persoas condecoradas e os/as representantes foron subindo ao escenario para recibir as distincións da man da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín e dos/as concelleiros/as Gonzalo Muíños (PSdG), Borja Verea (PP), Xesús Domínguez (BNG), Manuel César (BNG), Pilar Lueiro (BNG), Miríam Louzao (BNG) e María Rozas (CA). Tras un repaso polas traxectorias vitais de cada unha dos persoeiros, fíxoselle entrega de cadanseu pergamiño, realizados por Susana Vázquez Pereira, e dunha insignia a modo de recoñecemento.Goretti Sanmartín pechou o acto cun discurso no que agradeceu o labor destes “homes e mulleres que engrandecen a nosa historia, que fan esta cidade aínda máis fermosa”. Entre as achegas destas figuras á Compostela, a rexedora quixo salientar “a defensa do benestar social, a solidariedade con quen máis o necesita, a aposta pola sanidade e o ensino público, polo dereito á vivenda e á memoria ou a urxencia de reclamar unha voz propia están hoxe neste acto a través das súas historias de vida”, referencias “que queremos para Santiago” porque “son eses os valores polos que traballamos cada día, con ilusión. Son o espello en que nos reflectir”.A alcaldesa amosouse “orgullosa” de compartir coas persoas distinguidas uns valores comúns “que nos axudan hoxe a albiscar un horizonte fermoso, se entre todas e todos somos quen de sumar esforzos por esa Compostela que tanto nos importa, por ese concello que sabe ser vangarda, que sabe defender os seus intereses, que se presenta ao mundo con orgullo e identidade de seu”.Medallas de OuroRecoñeceuse coa Medalla de Ouro de Santiago á xornalista Tareixa Navaza por “manter coa súa voz en alto o compromiso co país e coa loita pola igualdade” a través dunha voz “que nos fala da vida íntima da cidade e nos trae a memoria familiar dun tempo e dun país” e “comprometida coas reclamacións dun lugar para as mulleres e unhas liberdades para todas”.Tamén recibiu esta distinción Luís Pasín Liñares polo seu labor “en prol da democracia, a participación veciñal e a memoria histórica de Compostela” como “voz veciñal e militante entusiasta da democracia” que o converteu en “memoria activa” do seu barrio de Conxo.Fillos/as Predilectos/asO médico e director hospitalario Ramón Baltar Domínguez foi nomeado Fillo Predilecto da cidade a título póstumo por ser un “exemplo de militancia cívica, comprometido coa loita pola democracia nos momentos máis difíciles e acollendo e protexendo a vítimas da ditadura” así como polo seu labor como “protector de artistas” e a súa participación en “proxectos de reconstrución da cultura galega na posguerra, como a recuperación da casa de Rosalía de Castro e o Padroado Rosalía de Castro, do que foi conselleiro”.A pintora Aurora Pereira Carballo “Aurichu” recibiu o título de Filla Predilecta a título póstumo pola súa traxectoria como artista plástica e como deseñadora de roupa e doutros obxectos á fronte durante máis de 25 anos da súa coñecida tenda ‘Xanela’ no corazón histórico da cidade, recoñecendo a súa “creatividade artística, á súa significación comercial e veciñal e ao seu activismo cultural e político”.Esta honra tamén foi para o divulgador e activista cultural Ezequiel Méndez Vidal, polo seu “labor en prol da creación e a divulgación das artes escénicas e visuais e o seu activismo cultural” ao longo da súa prolífica carreira como escritor, actor de teatro, impulsor de varios cineclubes na cidade, produtor audiovisual e editor.Fillos AdoptivosRecibiu o título de Fillo Adoptivo da cidade o sacerdote José Porto Buceta polo seu “labor de dinamización da parroquia e do barrio de Sar, apegado ás necesidades da veciñanza” durante os seus máis de 50 anos como párroco do barrio.O profesor Manuel Quintáns Suárez tamén foi nomeado Fillo Adoptivo a título póstumo, pola súa “inxente e laboriosa obra dedicada ás humanidades, á narración oral, ao conto tradicional, ao refraneiro e á cultura popular”.

Leer más:   Compostela acollerá o Campionato de España Cadete Feminino do 19 ao 25 de maio

Documentos relacionados

Direccións relacionadas


- Te recomendamos -
Artículo anterior65YMÁS y Cámara de España presentan la campaña ‘El Valor Sénior’
Artículo siguienteVeintiún atletas gallegos apuntan a París 2024 en la preselección paralímpica
Foto del avatar
Equipo de la redacción central de EditorialOn. Somos muchos, de sitios muy distintos y vivimos por y para la información.