Inicio Últimas Noticias Compostela Cultura lanza a convocatoria de proxectos de creación artística e comisariado...

Compostela Cultura lanza a convocatoria de proxectos de creación artística e comisariado para a Zona C

CAPITAL CULTURAL
Compostela Cultura lanza a convocatoria de proxectos de creación artística e comisariado para a Zona C

21/03/2024 Promover a arte emerxente do país e achegar á cidadanía os discursos e propostas de vangarda chamados a anovar o panorama creativo galego son os obxectivos centrais da nova convocatoria para a selección de proxectos de creación artística e de comisariado para a Zona C que promove o Auditorio de Galicia a través do selo Compostela Cultura.

A concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, e a responsable da área de exposicións do Auditorio, Chus Busto, presentaron esta mañá en rolda de prensa as bases deste novo chamamento dirixido a artistas e comisarias/os que conducirá á selección das propostas creativas que acollerá o edificio da praza de Cervantes ao longo do período 2024-2025. En palabras da concelleira, “a convocatoria procura, por unha banda, estimular a libre creación de propostas artísticas e a visibilización e promoción de novos talentos e, pola outra, ofrecer ás persoas creadoras e comisarias vías de profesionalización e de fomento do debate e a reflexión crítica”. Louzao destacou que a iniciativa busca, ademais, “favorecer a diversidade e a pluralidade das propostas que chegan á cidadanía compostelá, e aguilloar a artistas, comisarias e comisarios cara á exploración de novas e ideas e enfoques creativos que desafíen o convencional, queremos darlles este acubillo para que arrisquen”.Chus Busto incidiu en que a proposta procura, precisamente “dar cabida a artistas que necesitan ese primeiro pulo para comezar a súa vida profesional” e engadiu que, desta maneira, a Zona C complementa a oferta expositiva do Auditorio “máis ortodoxa e con artistas de traxectoria consolidada”, con “intervencións de carácter efémero” que as e os artistas farán especificamente para o espazo. A responsable de exposicións do Auditorio chamou a atención cara ao reto que supón para as persoas solicitantes adecuarse ao edificio deseñado por Domingo de Andrade, unha das claves da convocatoria.Aberta á participación individual ou colectiva, a convocatoria diríxese a artistas, curadoras e curadores, que naceran ou residan en Galicia e que teñan unha idade inferior aos 35 anos no momento da presentación da solicitude. As bases para a selección de proxectos están á disposición das persoas interesadas na web de Compostela Cultura e no taboleiro de anuncios do Auditorio de Galicia e o prazo para a presentación de propostas, que deberá realizarse sempre a través da sede electrónica do Auditorio, esténdese do venres 22 de marzo ao domingo 21 de abril.Modalidades, criterios de valoración e dotaciónA convocatoria distingue dúas modalidades de proxectos, de creación artística e de comisariado, e só poderá presentarse unha candidatura por modalidade.A modalidade de proxectos de creación artística chama as persoas creadoras da contorna contemporánea galega a presentar propostas de intervención de temática libre para desenvolver nos espazos expositivos do primeiro e segundo andar da Zona C · Punto de Información Cultural. Seleccionaranse até 3 proxectos de intervención artística que contarán, cada un deles, cunha dotación de até 4.000 euros (impostos incluídos). Este orzamento deberá incluír os custos relativos á produción transporte e seguro das obras expostas, ás viaxes, dietas, e aloxamento e ás actividades de mediación propostas, así como aos dereitos de autoría ou calquera outro desembolso que supoña a realización da exposición.A modalidade de proxectos de comisariado diríxese a persoas dedicadas á práctica curatorial entendida como a relación que desenvolven en contacto con profesionais da creación, a través do discurso artístico e do deseño expositivo. Nesta modalidade, os requisitos de idade e procedencia aplícanse ás persoas solicitantes, pero non ás e aos artistas coas que traballan. Como acontecía na modalidade anterior, só se poderá presentar un proxecto de curadoría por solicitante, de temática libre e ideado para a súa execución na Zona C. O proxecto seleccionado contará cun orzamento de 6.000 € (impostos incluídos), que deberán sufragar os custos de produción, transporte e seguro das obras expostas; honorarios, viaxes, dietas, e aloxamento de curadoras/es e artistas, actividades de mediación propostas e calquera outro desembolso que supoña a realización de intervención, alén dos dereitos de autoría ou aqueles derivados da xestión das pezas con artistas ou con fondos de coleccións.En ambas as modalidades, a montaxe, a desmontaxe e o deseño dos elementos de difusión e de calquera material que se realice da intervención correrán a cargo do Auditorio de Galicia.Na avaliación de todas as solicitudes, que efectuará o persoal técnico do Auditorio, terase en consideración, por unha banda, a traxectoria das persoas solicitantes (pola que poderán obter unha cualificación de até 25 puntos) e, pola outra, a calidade e coherencia do proxecto, a súa solidez formal e conceptual, a súa viabilidade con base na adaptabilidade á Zona C, a optimización dos recursos económicos e materiais, a conexión do proxecto coas correntes actuais de creación contemporánea e calidade e relevancia das actividades de mediación (cunha cualificación de até 75 puntos)Todas as propostas de intervención deberán respectar a arquitectura e composición estrutural da Zona C, dialogar co espazo patrimonial sen danalo e non se aceptarán intervencións que supoñan unha modificación da súa estrutura ou configuración. Non poderán presentar solicitude aquelas persoas seleccionadas en anteriores convocatorias para a Zona C. En caso de non houber concorrencia para ambas as modalidades ou de quedar deserta algunha delas o Auditorio de Galicia poderá distribuír a contía dos proxectos seleccionados, sempre e cando exista dispoñibilidade orzamentaria.Unha ollada ás intervencións da Zona CAlén de servir de oficina de información e punto xeral de venda de entradas para os espectáculos de Compostela Cultura, a Zona C, situada no edificio da praza de Cervantes que acolleu no seu día a Casa do Concello, é un espazo consolidado da Concellaría de Capital Cultural para promover a creación de vangarda, a visibilización de novas propostas artísticas e un lugar de encontro, reflexión e debate sobre a arte en Compostela.Como resultado da convocatoria de intervencións para este espazo no período 2021-22, acolleu recentemente os proxectos de creación El jarrón infinito, de Mar Ramón Soriano, Sequitur, de Julia Huete, e Da túa man para a miña, de Fran Rodríguez Casal, alén da proposta de comisariado Presencias, ausencias. Miradas das novas artistas de Galicia, de Aldara Vázquez e Iris Rodríguez, e o proxecto de creación literaria Sem grana e sem frescura de Constance Hurlé que daría lugar á novela homónima da autora.

Leer más:   Vuelve el Carnaval de siempre a Santiago de Compostela

Documentos relacionados

Direccións relacionadas


- Te recomendamos -
Artículo anteriorSemana Santa: ¿Cobraré mi pensión en Santiago de Compostela? Consulta nuestro calendario para descubrirlo
Artículo siguienteEl tiempo para hoy en Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2024
Foto del avatar
Equipo de la redacción central de EditorialOn. Somos muchos, de sitios muy distintos y vivimos por y para la información.