Inicio Últimas Noticias Abraham Cupeiro presenta ‘Mythos’ no Auditorio de Galicia

Abraham Cupeiro presenta ‘Mythos’ no Auditorio de Galicia

CAPITAL CULTURAL
Abraham Cupeiro presenta ‘Mythos’ no Auditorio de Galicia

29/02/2024 Os sons mitolóxicos recuperados polo multiinstrumentista e investigador sarriao, nesta ocasión arroupados pola Orquestra Gaos, volverán encher a Sala Ángel Brage do Auditorio este sábado a partir das 20.30 horas. As entradas para o concerto poden ser adquiridas en Ataquilla.com

Abraham Cupeiro volve Compostela este sábado día 2 de marzo para presentar en concerto Mythos, o seu último traballo. O investigador e multiinstrumentista sarriao inspírase en mitoloxías árabes, célticas, romanas, gregas ou hindúes para compor un espectáculo que procura transportar o público a mundos e cidades perdidas no tempo a través de instrumentos que os antepasados tocaban en teatros gregos, circos romanos ou covas perdidas nos confíns do mundo.Con Mythos, Abraham Cupeiro convida a unha viaxe a través da música polas historias primixenias que os pobos crearon, dende tempos inmemoriais, para atopar unha lóxica á orixe do universo. No concerto do Auditorio soará, por exemplo, o ‘aulós’ grego, cuxa invención se lle atribúe á deusa Atenea, un dos instrumentos máis representados na antigüidade grega. Das cinzas de Pompeia tamén se rescata o ‘cornu’, unha xigantesca trompa que os romanos empregaban en campañas bélicas.Mythos foi gravado en decembro do 2023 en Abbey Road Studios xunto coa Royal Phillarmonic Orchestra. Na súa actuación en Compostela, Abraham estará acompañado pola Orquestra Gaos, nacida no ano 2009 e formada por 80 músicos de toda Galicia, na súa maioría estudantes e docentes dos conservatorios galegos. O concerto comezará ás 20.30 horas do sábado na Sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia e as entradas, cun prezo a partir dos 15 euros, poden ser adquiridas na web de ataquilla.comAbraham Cupeiro Construtor e multiinstrumentista, o que caracteriza a Abraham Cupeiro é a recuperación de instrumentos perdidos no tempo, que utiliza para crear novas sonoridades e imbrica en músicas alleas a eles. Cupeiro estudou trompeta no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid (RCSMM) e realizou un mestrado en Interpretación da Música Antiga na Universidade Autónoma de Barcelona. Malia que a súa formación é clásica, sempre se sentiu atraído por todo tipo de músicas. Así, dende ben novo formou parte de grupos de folk, jazz, ou música antiga.Como instrumentista, destaca por ser unha das poucas persoas que toca o Karnyx (trompeta celta da Idade de Ferro). Foi tamén convidado para probar o Karnyx de Tintignac, que é o único exemplar que apareceu enteiro no ano 2004. É ademais impulsor dun instrumento ancestral na tradición galega: a corna, instrumento que tocaba o seu avó e que aparece nas iluminacións de Alfonso X. O seu interese pola organoloxía, levouno a conseguir unha colección de máis de 200 instrumentos de todo o mundo e de distintas épocas, unha colección que ensina a modo de concerto- monólogo.Abraham recupera e constrúe diversos instrumentos, interpreta con eles dende a súa música ata música actual, e mestúraos con formacións modernas. Estas mesturas pódense ver no seu traballo Compromiscuo, co acordeonista Bielorruso Vadzim Yukhnevich , así como en obras escritas para el, como o Concerto Misterio de Wladimir Rosinsky xunto á Orquestra Sinfónica de Galicia. Entre as súas obras destacadas, figura tamén Sons Esquecidos, un proxecto gravado coa Real Filharmonía de Galicia baixo o selo Warner Classics. Tras a súa estrea, foi presentado con distintas orquestras de España e Finlandia. En 2018 estrea PANGEA, gravado en novembro de 2019 coa Royal Philharmonic de Londres nos estudos Abbey Road, e publicado en setembro de 2020 baixo o selo Warner Classics.

Leer más:   Constitúese o novo Consello de relacións veciñais

- Te recomendamos -
Artículo anteriorMiriam pide ayuda para salir de la calle: “Hemos estado por todo Galicia y Asturias”
Artículo siguienteEl tiempo para hoy en Santiago de Compostela, 29 de febrero de 2024
Foto del avatar
Equipo de la redacción central de EditorialOn. Somos muchos, de sitios muy distintos y vivimos por y para la información.