Inicio Últimas Noticias Asinado o V Pacto Local polo Emprego de Santiago

Asinado o V Pacto Local polo Emprego de Santiago

EMPREGO
Asinado o V Pacto Local polo Emprego de Santiago

28/02/2024 O Concello de Santiago asinou hoxe o V Pacto Local polo Emprego con representantes da Universidade, a Cámara de Comercio, a Asociación Empresarial do Tambre, Hostelería Compostela, Hostalaría.gal, a Plataforma polo Emprego, e os sindicatos UXT e Comisións Obreiras. A firma correu a cargo de Xan Duro, concelleiro de Promoción Económica en funcións por mor da situación de baixa médica da responsable do departamento, María Rozas. O edil salientou que “o documento aprobado hoxe é unha folla de ruta para avanzar cara o modelo produtivo e laboral que queremos, e para facelo da man e de maneira colaborativa entre todos os axentes implicados, comezando polo propio Concello”. Nese sentido, Duro agradeceu o compromiso de todas as entidades asinantes “cun documento que pón o foco nos colectivos máis vulnerables e con máis dificultades para o acceso e o mantemento do emprego”.

O V Pacto Local polo Emprego toma o relevo do aprobado en 2015 e que estivo vixente ata 2020, “nun contexto no que aínda non sabiamos da pandemia que había mudar os paradigmas, tamén do mercado laboral”. O documento, que está aliñado con outras estratexias como a Axenda Urbana 2030, ten como obxectivo “avanzar cara un mercado de traballo que ofreza oportunidades laborais de calidade para todos e todas, asentar as bases para implantar unha actividade económica produtiva e sostible, e impulsar políticas activas de emprego que integren os recursos públicos procedentes das diferentes administracións”.Catro liñas estratéxicas, 78 metas concretasO V Pacto Local polo Emprego de Santiago está articulado en torno a catro liñas estratéxicas: apoiar as persoas para o emprego, impulsar o desenvolvemento económico e o emprego, fomentar a transición do modelo produtivo cara a sostibilidade, e fortalecer o traballo en rede dos axentes públicos e privados. A partir destas catro liñas, o documento define diferentes obxectivos estratéxicos dos que se derivan un total de 78 metas concretas. Esas accións, tal e como explicou Xan Duro, atenden a diferentes cuestións relacionadas co mercado laboral, “e nas que cobran máis importancia a conciliación, a igualdade, a sostibilidade, o fomento da economía social e a economía verde, ou a aposta pola reindustrialización e a dixitalización; en liña coa Axenda Urbana 2030 e coas estratexias e normativas aprobadas nos ámbitos estatal e europeo”.O V Pacto Local polo Emprego trata de aproveitar as capacidades e potencialidades dos diferentes actores esenciais na vida económica e laboral de Santiago para mellorar os niveis de emprego e a súa calidade e estabilidade; facilitar o acceso á vida laboral ás persoas con especiais dificultades de inserción; promover o emprendemento e o emprego autónomo; ou impulsar a economía social para a xeración dun tecido económico inclusivo e sostible. Ademais, faino poñendo o foco nos colectivos vulnerables, como o das mulleres, inmigrantes e persoas maiores de 45 anos “que tal e como se recolle na diagnose do propio Pacto requiren de políticas específicas por seren os que teñen maiores dificultades para o acceso e para o mantemento do emprego”.O V Pacto Local polo Emprego foi asinado, ademais de polo concelleiro de Promoción Económica en funcións, Xan Duro; por Pilar Murias Fernández, vicerreitora de Estudantes e Cultura da Universidade de Santiago; María Pais Fajín, presidenta da Cámara de Comercio; José Fernández Alborés, presidente da Asociación da Área Empresarial do Tambre; Sara Santos, presidenta de Hostelería Compostela; Joaquín García Gutiérrez, Secretario Xeral de CCOO Santiago – Barbanza; Marisa Rodríguez Vázquez, Secretaria Xeral da UGT Compostela – Barbanza e Miguel Fernández Blanco, Presidente da Asociación Plataforma polo Emprego. Desculpou a súa presenza Lois Lopes, presidente da Asociación Hostalaría.gal.Toda a información relativa ao V Pacto polo Emprego de Santiago pódese consultar na web pactoempregosantiago.org

Leer más:   A Asociación Hostalaría Compostela acolle o proceso de preselección de Santiago(é)tapas

Direccións relacionadas


- Te recomendamos -
Artículo anteriorBaleares se renueva con Prohens: hacia un nuevo estándar de innovación y sostenibilidad turística
Artículo siguienteEl tiempo para hoy en Santiago de Compostela, 28 de febrero de 2024
Foto del avatar
Equipo de la redacción central de EditorialOn. Somos muchos, de sitios muy distintos y vivimos por y para la información.