Inicio Últimas Noticias Chega ao Teatro Principal “Aquí nunca pasa nada”, unha obra que fai...

Chega ao Teatro Principal “Aquí nunca pasa nada”, unha obra que fai “xustiza poética en escena coas vítimas da trata”

DEREITOS E SERVIZOS SOCIAIS
Chega ao Teatro Principal “Aquí nunca pasa nada”, unha obra que fai “xustiza poética en escena coas vítimas da trata”

09/02/2024 O Teatro Principal acolle esta tarde a representación da obra “Aquí nunca pasa nada”, inspirada no Caso Carioca que chega a Santiago grazas á colaboración entre a Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais e a Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas. A concelleira María Rozas presentou a montaxe, “que trata de crear conciencia a través das artes escénicas, lembrar o que aconteceu coa maior operación contra a trata que se desenvolveu en España, e poñer o foco en realidades que seguen presentes”. Na rolda de prensa tamén participaron a actriz Olga Compte e Cristina Bandín, en representación da Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas.

“Aquí nunca pasa nada” é un proxecto da compañía Teatro Sin Papeles, integrada por persoas migrantes. A obra está dirixida por Moisés Mato, e interpretada por Luisa Anaya e Olga Compte, que se poñen na pel dunha muller prostituída vítima das redes de trata e da xuíza que investiga a súa situación. Trátase dunha montaxe inspirada no Caso Carioca, a maior operación contra a trata destapada en España, con 90 persoas implicadas e 400 mulleres vítimas.A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais lembrou que “ainda con esas cifras, a operación acabou, despois de doce anos de investigación, co só tres persoas condenadas a penas que nin sequera tiveron que cumprir, e que sumaban menos de 10 anos fronte ás peticións iniciais que sumaban 524 anos de prisión”. María Rozas lamentou que “ainda que o caso Carioca evidenciou as cloacas do sistema, o caso quedou en segundo plano porque as vítimas eran mulleres, que eran prostituídas e que na súa inmensa maioría eran migrantes”. Por iso, apuntou, “para a Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais é unha satisfacción que esta obra poida chegar a Santiago, para crear conciencia crítica, e da man da Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas”.Nese sentido, Cristina Bandín explicou que a prostitución é a realidade de moitas mulleres migrantes que chegan a España, e puxo en valor o traballo que desenvolve a rede “para garantir que se respecten os dereitos humanos das persoas que chegan ao noso país, toda vez que non se cumpre o obxectivo de que ninguén se vexa forzado a migrar”. Ademais, aproveitou a súa intervención para reclamar políticas europeas “que non se limiten a reforzar o control migratorio, a seren utilitaristas, no sentido de aproveitar a inmigración para traballos que non queremos os demais, e que non permitan cuestións tan vergoñentas como que os paises poidan pagar para non acoller ás persoas migrantes”.Unha obra “para que o público abra os ollos á realidade próxima”Unha das protagonistas da obra, Olga Compte, explicou que a “Aquí nunca pasa nada” está pensada para “facer xustiza poética en escena, despois das inxustizas que sufriron as mulleres vítimas no caso Carioca, e en xeral todas as mulleres vítimas de trata”. Nese sentido, a actriz explicou que durante o proceso de preparación do papel “descubrimos unha realidade que temos moi cerca, pero da que non se fala, e que tén que ver coas mulleres prostituídas pero tamén cos homes que son consumidores da prostitución”. Ao respecto, lembrou que España é o primeiro país consumidor de prostitución en Europa e o terceiro no mundo.Olga Compte apuntou que “o obxectivo da compañía é que o público abra os ollos, reflexione sobre a situación das mulleres prostituídas, que teñen unha esperanza de vida de tan só 40 anos, que son mulleres empobrecidas, e que son vítimas do que elas mesmas chaman violacións pagadas polas que ninguén lles pide perdón e para as que non hai reparación nin legal nin social”.A obra “Aquí nunca pasa nada” chega a Santiago grazas á colaboración entre a Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais e a Rede Galega de Apoio ás Persoas Refuxiadas, e poderáse ver hoxe no Teatro Principal, ás 19.30 horas. A entrada é de balde e libre ata completar aforo.

Leer más:   A praza da Quintana acollerá mañá o concerto "Los 40 Santiago Pop" que inaugura as Festas da Ascensión deste ano

- Te recomendamos -
Artículo anteriorIdentidad renovada para Fundación Unicaja
Artículo siguienteEl tiempo para hoy en Santiago de Compostela, 9 de febrero de 2024
Foto del avatar
Equipo de la redacción central de EditorialOn. Somos muchos, de sitios muy distintos y vivimos por y para la información.