Inicio Últimas Noticias O Auditorio de Galicia acolle a representación, por primeira vez en 65...

O Auditorio de Galicia acolle a representación, por primeira vez en 65 anos, de ‘Miñatos de Vran’, zarzuela galega do mestre Vide e libreto de Otero Pedrayo

CAPITAL CULTURAL
O Auditorio de Galicia acolle a representación, por primeira vez en 65 anos, de ‘Miñatos de Vran’, zarzuela galega do mestre Vide e libreto de Otero Pedrayo

18/01/2024 A peza, estreada na Habana 1928 e só representada de novo en 1959, chegará este domingo 21 de xaneiro ás 19.00 horas ao Auditorio de Galicia tras o seu paso polo Auditorio de Vilagarcía mañá venres. Nesta nova produción escenificada participan a Banda Municipal de Música de Santiago, o Coro da Asociación Liceo de Vilagarcía, Troyanos de Compostela e varias voces solistas. David Fiuza encárgase da dirección musical, mentres que José Álvarez é o director de escena e Josefa Dorado, directora coral.

A Asociación de Amigos da Ópera de Santiago de Compostela mobilizará 135 persoas entre persoal técnico e artístico para levar a escena Miñatos de Vran, zarzuela galega do mestre José Fernández Vide con libreto asinado por Ramón Otero Pedrayo. Esta peza, que se estreou na Habana en 1928 e só se volveu representar de novo en 1959, reunirá en escena a Banda de Música Municipal de Santiago, o Coro Liceo de Vilagarcía, un cadro composto por 25 actores e actrices e os Troyanos de Compostela para traer esta histórica peza ao século XXI.A montaxe poderase ver este domingo ás 19.00 horas no Auditorio de Galicia, tras o seu paso polo Auditorio de Vilagarcía mañá, venres. Así o explicaron esta mañá a concelleira de Capital Cultural de Santiago, Miriam Louzao; David Fiuza, director da Banda Municipal de Música de Santiago, e Javier Jurado, músicólogo e investigador da zarzuela galega, nunha rolda de prensa na que tamén asistiron; Benigno Amor, en representación de Troyanos de Compostela, Tamara Casás, membro do Coro Liceo de Vilagarcía e Jesús Couceiro, presidente de Amigos da Ópera de Santiago, entidade produtora do espectáculo.Míriam Louzao destacou a colaboración entre as diferentes entidades que forman parte do proxecto, xa que “é o camiño ideal para ofrecerlle o mellor ao público e unha forma marabillosa de traballar” e puxo en valor o “traballo de recuperación do patrimonio musical galego”. A edila fixo tamén un chamamento de asistencia lembrando que é unha zarzuela “que non se representa desde hai 65 anos” polo que é “unha cita das que non se pode perder”.Amigos da Ópera de Santiago de Compostela, que conta co apoio da Xunta de Galicia, o Concello de Vilagarcía de Arousa e o Concello de Santiago de Compostela, recuperará así unha obra que só se puido ver en dúas ocasións o pasado século. Na versión orixinal, o libreto pertencía a Enrique Zas, mais o seu extravío forzou que tres décadas despois Otero Pedrayo fose o encargado de reelaboralo para a súa posta en escena en Ourense. Neste 2024, Amigos da Ópera impulsa a reestrea na época actual con estas dúas citas.Obra coral e sinopseAo longo da rolda de prensa, adiantáronse aspectos artísticos e mais temáticos do que o público poderá ver en Miñatos de vran. Dende o punto de vista técnico, destacouse a complexidade evariedade da montaxe, que se divide en tres actos, que conta con 30 personaxes con texto e que se constitúe de 13 composicións musicais, entre coros, dúos, solos e intervencións do coro. O equipo en conxunto –que inclúe como solistas as sopranos Patricia Rodríguez e Tamara Casás, os tenores Diego Neira e José L. Prado e os barítonos Gabriel Alonso e Julio Cores- dedicou seis meses á preparación da montaxe. David Fiuza encárgase da dirección musical, José Álvarez da dirección escénica, Josefa Dorado da dirección coral e Sergio Rodríguez dos arranxos.A acción de Miñatos de vran desenvólvese nunha vila galega de pescadores e labradores no noroeste de Galicia, posiblemente inspirada en Ribeira, lugar de vacacións para os señoritos (os “miñatos”), e nas rúas de Santiago onde van estudar os señoritos da vila. Narra, como acontece en moitas obras do xénero zarzuelístico e operístico, a difícil historia de amor dun mariñeiro, Manuel, namorado en segredo da bela Maripepa, tamén pretendida por Carlitos, veraneante madrileño, e por Eduardo, señorito da vila e estudante de medicina. A estrutura, en tres actos, ten por distintos escenarios unha vila galega pesqueira, no primeiro e terceiro acto. O segundo acto ten lugar nunha rúa con soportais e nunha taberna clásica, en Santiago de Compostela. Javier Jurado publicou na editorial Galaxia a finais de 2022 unha edición do texto de Miñatos de Vran.

Leer más:   Retransmisión da rolda do luns 30 de xaneiro

Direccións relacionadas


- Te recomendamos -
Artículo anteriorLa FP Dual impulsa un aumento en las oportunidades laborales
Artículo siguienteEl tiempo para hoy en Santiago de Compostela, 18 de enero de 2024
Foto del avatar
Equipo de la redacción central de EditorialOn. Somos muchos, de sitios muy distintos y vivimos por y para la información.