CENTROS SOCIOCULTURAIS
“Os Bolechas. Amigas e amigos con diabetes” chegan á Rede de Centros Socioculturais grazas á doazón de ANEDIA
14/11/2023 As bibliotecas e espazos de lectura da rede dos centros socioculturais contarán con exemplares do libro “Os Bolechas. Amigas e amigos con diabetes”, grazas á doazón de ANEDIA, a Asociación de nenas, nenos e xente nova con diabetes de Galicia. O volume foi presentado hoxe no CSC Maruxa e Coralia polo concelleiro de Centros Socioculturais, Xan Duro, e a presidenta de ANEDIA, María Xosé Rego.
Coincidindo co Día Mundial da Diabetes, ANEDIA fixo entrega dos libros “que teñen como obxectivo normalizar a diabete e concienciar aos máis novos sobre esta patoloxía”. Para iso, o volume bota man dos personaxes creados por Pepe Carreiro, Os Bolechas, para mostrar como é a vida cotiá dos nenos e nenas con diabetes no colexio ou nas actividades de ocio, cal é a tecnoloxía que están presente nas súas vidas, e como son os tratamentos que precisan. O concelleiro de Centros Socioculturais agradeceu a doazón destes libros, que foron editados grazas a unha subvención da Deputación da Coruña, “que estarán accesibles para toda a veciñanza de Santiago nos espazos nos que se desenvolven moitas actividades ás que asisten centos de persoas cada día”.Máis concienciaciónXan Duro mostrouse convencido de que “con esta acción contribuiremos a concienciar á poboación sobre a diabete tipo 1, que aínda é moi descoñecida e que cada vez lle afecta a unha maior pte da poboación”.Nesa liña, a presidenta de ANEDIA recoñeceu que a maioría das accións no Día Mundial da Diabete, que se celebra hoxe, están dirixidas a concienciar e previr a Diabete Tipo 2, “pero fálase menos da diabete tipo 1 que é a que non se pode previr, porque se descoñecen as súas causas”. Segundo explicou, a incidencia desta enfermidade medrou un 10% nos últimos anos, e cada vez diagnostícase con maior frecuencia en nenos e nenas e adolescentes. O único tratamento para este tipo de diabete é a administración de insulina, “e é preciso que a poboación coñeza cales son os tratamentos e cal é a tecnoloxía que os e as doentes teñen ao seu dispor para mellorar a súa calidade de vida”. A través dos Bolechas, explicou, “ofrécese esta información dun xeito adaptado para que os e as máis pequenas a entendan e saiban convivir con normalidade coa enfermidade e cos compañeiros e compañeiras que a padezan”. Na actualidade, en Galicia hai máis de 1.100 escolares que padecen diabete tipo 1.
- Te recomendamos -