ALCALDÍA
A alcaldesa reúnese coas asociacións de hostalaría para explicar o plan de comprobación da seguranza dos locais
02/11/2023 A alcaldesa e o concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, xunto con persoal técnico, mantiveron esta mañá unha xuntanza con representantes de Hostelería Compostela, Hostalaría.gal e a Asociación de Bares, Pubs e Discotecas para explicar o contido do plan destinado a verificar as medidas de seguranza nos locais, para atender a preocupación que manifesta publicamente o sector hostaleiro. O Concello estudará a proposta presentada polas asociacións para pór en marcha unha Mesa sectorial de hostalaría.
Este plan que vai poñer en marcha o Concello, para o que quere contar coa colaboración das asociacións que agrupan os establecementos, fundamentalmente de hostalaría, pretende garantir a seguridade das persoas usuarias dos locais.O sector da hostalaría é unha peza destacada no aspecto socioeconómico de Santiago de Compostela, con recoñecemento pola súa calidade e a cantidade de locais existentes. Ante a inquedanza social sobre as medidas de seguranza e de prevención de incendios, o Concello de Santiago pon en marcha este plan que pretende verificar a súa adecuación ás medidas de seguridade, en caso de que haxa carencias, achegándolles, antes de nada, información precisa sobre cales deben ser.O Concello elaborou unha instrución que guiará as inspeccións para que todas as partes teñan claros os obxectivos, que se dará a coñecer ás entidades asociativas do sector. Vaise comprobar o funcionamento dos percorridos de evacuación, a sinalización e iluminación de emerxencia e a seguridade contra incendios, fundamentalmente, sempre tendo en conta as condicións que se autorizaron para cada establecemento.Para isto, traballarase para achegarlles toda a información aos sectores atinxidos para que a teñan en conta á hora de desenvolver as súas actividades e, polo tanto, poidan identificar se os seus locais teñen deficiencias e actúen para corrixilas sen necesidade de requirimentos.Con este obxectivo preténdese minguar a alarma social e ofrecerlles as mellores condicións ás persoas usuarias dos locais, ademais de favorecer a actividade do sector hostaleiro.
- Te recomendamos -