PLENO
O Concello aproba unha declaración institucional contra a violencia machista con motivo do 25N
26/10/2023 O Pleno da Corporación Municipal aprobou esta mañá unha declaración institucional na que todos os grupos municipais de forma conxunta condenan “todas as formas de violencia machista” e comprométense a traballar “na súa eliminación de todos os espazos do Concello” con medidas concretas e de xeito coordinado con outras institucións.
O Pleno municipal votou esta mañá de maneira unánime a aprobación dunha declaración institucional, co que se suma ás reivindicacións do Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra as Mulleres que terá lugar o vindeiro 25 de novembro.O texto acordado polos catro grupos recolle a preocupación da Corporación polo “recrudecemento dalgúns tipos de violencias contra as mulleres” e pola “expansión dunha vaga reaccionaria que nega a violencia machista” nestes últimos anos. Así, refírese aos datos do XV informe anual do Observatorio Estatal da violencia sobre as mulleres 2021, segundo os que “o 86,2% de delitos contra a liberdade e indeminidade sexual cometéronse contra mulleres” e “das 14608 vitimizacións de mulleres por este tipo de delitos, rexistráronse 287 de corrupción de menores ou persoas con discapacidade e 432 relacionados con contactos tecnolóxicos con menores de 16 anos”.Fronte esta realidade, a declaración remarca a necesidade desde o Concello de “dotarnos de máis ferramentas para a prevención e actuación ” e concretamente “reforzar os servizos de atención e acompañamento ás mulleres, especialmente ás mulleres vítimas de violencias machistas”.Con este fin, a Corporación comprométese a “traballar na súa eliminación de todos os espazos do concello” e expón algunhas medidas concretas como a formación do persoal para “incorporar a perspectiva de xénero e a protección das vítimas da violencia machista a todos os niveis de acción”; a mellora da coordinación, prevención e intervención fronte a violencia machista en colaboración con outras administracións, ou garantir que os espazos municipais sexan “espazos seguros para as mulleres”.O manifesto tamén reitera “o compromiso do Concello de Santiago co Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero” no seu papel como “primeiro punto de acceso, apoio e asesoramento para as mulleres vítimas de violencia machista e as súas familias” e insta á Xunta de Galicia a “aumentar as prazas nas casas de acollida e aumentar o número para que poidan utilizalas máis mulleres con casuísticas nas que converxen múltiples vulnerabilidades que aumentan o nivel de risco”.Outros acordosO Pleno municipal tamén deu luz verde ao expediente de crédito extraordinario 2023-CREXT-08, por importe de 142.152,61 euros para realizar diversas actuacións urxentes nos parques infantís municipais, para mellorar as deficiencias detectadas neles, consistentes en actuacións no pavimento e na moblaxe do parque das prazas de Vigo, Galicia, de Ramírez e outros, así como para a construción dun vestiario para brigada municipal de parques e xardíns no viveiro de Lamas de Abade.A Corporación tamén aprobou hoxe, por unanimidade, unha proposición do PP para a adhesión do Concello de Santiago ao programa Xantar na Casa co fin de dotar de cobertura asistencial e aumentar os recursos sociais adicados a determinados colectivos, especialmente persoas maiores que viven soas.
Documentos relacionados
Direccións relacionadas
- Te recomendamos -