Inicio Últimas Noticias Constance Hurlé presenta Sem grana e sem frescura, a novela resultante da...

Constance Hurlé presenta Sem grana e sem frescura, a novela resultante da primeira residencia literaria da Zona C

CAPITAL CULTURAL
Constance Hurlé presenta Sem grana e sem frescura, a novela resultante da primeira residencia literaria da Zona C

18/10/2023 A ZONA C-Punto de Información Cultural acolleu este mércores 18 de outubro a presentación da novela Sem grana e sem frescura, de Constance Hurlé, a obra resultante do proxecto de creación literaria desenvolvido ao abeiro da primeira convocatoria de intervencións artísticas promovida por Compostela Cultura no ámbito da escrita. Sem grana e sem frescura é un relato a cabalo entre o diario de viaxe e a auto-ficción que naceu dun periplo da escritora dende o sur ao norte de Brasil e que tomou forma de novela durante a residencia que Hurlé realizou de maio a xuño de 2022 neste mesmo edificio da praza de Cervantes que outrora albergou o Concello de Santiago.

No acto de presentación da novela, a autora estivo acompañada da concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, e do director-xerente do Auditorio de Galicia, Xaquín López. Louzao puxo en valor esta residencia literaria consonte “á vontade do Concello de Santiago de apoiar as novas creadoras e creadores dos distintos ámbitos artísticos, e que serviu para madurar a novela que hoxe se presenta. Durante a súa residencia, para a que, ademais do espazo, contou cunha dotación económica de 5.000 euros, a autora desenvolveu unha serie de intervencións na Zona C co fin de establecer pontes entre a literatura e o público, algo que era, precisamente, un dos obxectivos da convocatoria”.Así, no marco da estadía literaria de Constance Hurlé na Zona C, a cidadanía e visitantes de Compostela puideron asistir a unha exposición conformada por imaxes e obxectos relacionadas coa viaxe autobiográfica da que trata a novela e concertar conversas coa escritora para afondar no seu proceso creativo. Neste período, Constance Hurlé dirixiu tamén un obradoiro de escrita creativa e propiciou diálogos con poetas da escena local onde a palabra se transmitiu a través da performatividade, do xogo poético e a spoken word con Peter Brea e Paulo Maestro, recoñecidos activistas culturais e parte activa do Poetry Slam Compostela. Finalmente, como colofón da residencia e a xeito de peche, a escritora realizou lecturas públicas da novela e diálogos abertos co público asistente.Constance Hurlé destacou na presentación a axuda que supuxo a convocatoria de Compostela Cultura para a conclusión do seu proceso literario, que serviu de estímulo e “motivo para sentar e dedicarlle un ano á escrita, un proceso solitario que sen motivación externa esixe un gran compromiso cunha mesma. Para min, sen a residencia Zona C a novela non existiría”.Sem grana e sem frescura, agora publicada polo selo Edicións Morgante de Rinoceronte Editora, baséase nas experiencias da autora nesa viaxe en autostop polo territorio brasileiro para presentar a historia da personaxe principal, Estela, a través da visión de Jannick Gutmann, un novelista alemán que a coñecerá no avión de regreso a Europa. O título do volume é unha frase popular en idioma portugués e de difícil tradución que define o xeito no que viaxaron tanto a personaxe literaria, Estela, como a autora, Constance Hurlé: sen apenas cartos e adaptándose ás situación precarias, e ás veces incómodas, que iso implicaba. A novela xa está á venda en librarías.Constance Hurlé (Vigo, 1990)Licenciada en Filoloxía Clásica pola Universidade de Santiago de Compostela, é tamén titulada no Mestrado en Investigación en Estudos do Teatro pola Universidade Autónoma de Barcelona, e mantén unha constante formación teórica coa participación e asistencia activa a diferentes congresos de artes escénicas. Comeza dende moi nena a facer teatro e tece unha traxectoria que transita por diferentes disciplinas e escolas de artes escénicas e danza, entre as que destacan a Escola Integral do Creador Escénico Vladimir Tzekov, en Granada, e A Artística, da man de Olga Cameselle. En 2014 iníciase no microteatro coa peza dramática El día después, e en 2016 ve a luz o seu primeiro proxecto poético-musical, A mazá de Rosalía. En dúo con Rui Grenha, ofrece os concertos presentados bic in progres (2017) e hacialaluz (2019), a partir dos cales publicará os poemarios bicmordido (2017, Ed. Carena) e hacialaluz: poesía, sonido, imagen (2019, Ed. La Fábrica de libros), alén dun fanzine poético autoeditado.Hurlé entende a literatura coma medio de expresión das emocións e como crítica social e, dende esa perspectiva, conxuga poesía e escena navegando polos xéneros híbridos. Recentemente foi premiada coa peza Monólogo para corpo en movemento no Festival FIOT de 2020, e polo seu microrrelato Manaus no concurso de relatos contra a violencia de xénero organizado polo Concello de Ribadavia, en novembro de 2020. Participa en festivais de poesía como o Keruac (2018) ou o Festival Nun Local (2018) con intervencións poéticas, alén de diversos eventos como slams, recitais, jams de improvisación vocal, etc. Ademais, dirixe e interpreta a obra de teatro contemporáneo Lara Hierro (Rianxo, 2022).

Leer más:   A Oficina Nacional de Avaliación da luz verde ao estudo económico e o prego de condicións para o transporte urbano

- Te recomendamos -
Artículo anteriorEffic gana el ‘PropTech Innovation Challenge’ europeo por su rehabilitación eficiente de vivienda
Artículo siguienteEl tiempo para hoy en Santiago de Compostela, 18 de octubre de 2023
Foto del avatar
Equipo de la redacción central de EditorialOn. Somos muchos, de sitios muy distintos y vivimos por y para la información.