ALCALDÍA
O executivo municipal fai balance dos primeiros cen días de goberno
27/09/2023 A alcaldesa, Goretti Sanmartín, e a primeira tenenta de alcaldesa, María Rozas, acompañadas do resto de membros do Goberno municipal, fixeron un repaso polas accións levadas a cabo despois de cen días á fronte do Concello así como dos retos inmediatos e a medio e longo prazo. O executivo municipal deu conta destas cuestións nun almorzo informativo cos xornalistas que tivo lugar esta mañá no Auditorio de Galicia.
A rexedora recordou que todo o equipo do Goberno municipal vén traballando desde a súa chegada ao Pazo de Raxoi cunha “folla de ruta” que conta cos “obxectivos claros” de mellorar a calidade de vida da veciñanza, establecer un diálogo co conxunto da poboación, mellorar a eficiencia administrativa e apostar por unha Compostela viva, diversa, sustentable e igualitaria.A continuación, Goretti Sanmartín fixo un repaso polas “necesidades urxentes” que se abordaron nestes cen primeiros días de goberno, así como por aqueles “outros proxectos xa iniciados pero que precisaban un pulo” e polos procesos de transformación e planificación a medio e a longo prazo que foron postos en marcha. Así, a alcaldesa destacou algún dos logros acadados ata o momento, como o lanzamento do Código de boas prácticas e da campaña “Fráxil” para fomentar o turismo consciente, a posta en marcha do programa Patrimonio C, a aprobación Protocolo para a abordaxe das violencias sexuais e LGTBIfóbicas en espazos de ocio nocturno, así como accións no ámbito da identidade da cidade e da memoria histórica como a celebración da Alba de Compostela ou o acto en lembranza de Ánxel Casal.Ademais Goretti Sanmartín fixo fincapé “na cantidade de reunións nas distintas áreas” con asociacións de todos os ámbitos, así como os encontros con entidades como a USC, a Delegación do Goberno e a Deputación da Coruña. A alcaldesa tamén aludiu “aos retos máis importantes que temos a partir de agora enriba da mesa” e que son a elaboración e aprobación dos orzamentos do 2024 e a busca dunha solución ao asunto da parcela de Peleteito, “temas dos que daremos conta nas próxima semanas”.Pola súa banda, a primeira tenenta de alcaldesa, María Rozas, salientou que estes primeiros 100 días “serviron para sentar as bases do que vai ser a acción de Goberno nos próximos anos” e estiveron marcados polo “diálogo e a participación” con “centos de xuntanzas con entidades veciñais e colectivos de todo tipo”, así como “un importante esforzo de interlocución cos traballadores e traballadoras dos servizos públicos concestionados”, xa que “deles e delas depende o funcionamento deses servizos que son esenciais para a veciñanza”.María Rozas destacou as medidas tomadas no ámbito do transporte público e amosouse confiada “en iniciar a licitación no prazo máis breve posible”. Tamén salientou o esforzo que fixo o executivo municipal nestes tres meses por retomar as reunións do Pacto Local pola Mobilidade e o proxecto de creación do Centro Integral de Atención ás Persoas sen Fogar, así como a posta en marcha dunha comisión de seguimento coas traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar, “un servizo que para nós é fundamental”.”Santiago ten moitos retos por diante aos que este Goberno vai atender con toda a dedicación e todo o esforzo”, concluíu a primeira tenenta de alcaldesa.
Documentos relacionados
- Te recomendamos -